O Concello investirá 484.000 euros na ampliación do cemiterio municipal e construción de cinceiros funerarios
20-12-2018
O pleno de Fene daba luz verde onte pola mañá ó proxecto presentado polo goberno municipal integrado por PP e Somos Fene
A proposta do goberno municipal integrado por PP e Somos Fene, o pleno do Concello de Fene acordaba onte destinar un investimento cercano ós 484.000 euros para a ampliación do cemiterio municipal de Barallobre. Unha intervención que contempla a construción de 126 columnas de nichos e cinceiros funerarios; a reurbanización destes novos espazos; a instalación dun osario municipal e dun forno de queima de residuos. Dese investimento, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que 187.597,98 euros procederán da Deputación provincial e os restantes serán aportados polo propio Concello.
Segundo o rexidor, a ampliación do cemiterio dá resposta a unha demanda veciñal constatada xa hai tempo e, ó respecto, lembrou que na pasada lexislatura o Concello levaba a cabo unha campaña para coñecer a demanda de novos nichos e columbarios no camposanto que se saldaba con 120 peticións –iso si, a sinatura do escrito non levaba parello o compromiso de adquisición-. Co cambio de goberno o proxecto quedara parado e, agora, o executivo integrado por PP e Somos Fene retómao para facelo realidade. Ademais da ampliación de nichos construiranse cinceiros funerarios de tal modo que os veciños e veciñas que opten pola incineración afrontarán gastos menores respecto á primeira opción.
A iniciativa saía adiante cos votos a favor do equipo de goberno e a abstención do resto de grupos. Idéntico resultado para outro paquete de obras aprobado a financiar con cargo ó Plan Único de Concellos-POS+ 2019. Así, cos fondos provinciais, o alcalde avanzou a ampliación da rede municipal de augas residuais en As Picas, na parroquia de Magalofes, por un importe de 58.844,16 euros; a reurbanización dos bloques III e IV de San Valentín, cun orzamento de 117.441,01 euros; e o acondicionamento do camiño das Chousas, en Barallobre. Neste último caso, destinaranse 47.811,45 euros dos fondos provinciais e o Concello completará o investimento cunha aportación de 8.342,23 euros.
Co plan complementario provincial, Fene afrontará tres obras cun orzamento conxunto de 365.783,13 euros: a dotación de servizos e reforzo do firme no camiño de A Lombra, en Barallobre (104.833,13 euros); a dotación de servizos e reforzo do firme nos camiños de Os Regueiros e Visura, en Sillobre (148.550,89 euros), e a pavimentación do vial de Fene a Magalofes por Lubián (112.399,11 euros). Por último, unha parte dos fondos provinciais destinaranse a sufragar gastos correntes: 273.150,90 euros.