Entran en vigor as rebaixas dos recibos do IBI, recollida de lixo e rodaxe e dos servizos do cemiterio municipal

Entran en vigor as rebaixas dos recibos do IBI, recollida de lixo e rodaxe e dos servizos do cemiterio municipal

Son efectivos dende o 1 de xaneiro de 2019

Dende o 1 de xaneiro os veciños e veciñas de Fene pagarán menos polos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI); Imposto de Vehículos de tracción mecánica (rodaxe) e pola Recollida de Residuos Sólidos Urbanos (lixo), así como polos servizos do cemiterio. Así será despois da aprobación en pleno da proposta de modificación das ordenanzas reguladoras que presentara previamente o equipo de goberno integrado por PP e Somos Fene. Modificación que a día de hoxe superou toda a tramitación administrativa, tras a publicación en boletín oficial e exposición pública.


Deste xeito, o alcalde, Gumersindo Galego, explica que o recibo do IBI pasa do 0,64% ó 0,60%, tanto para bens de natureza urbana como rústica e entran en vigor as bonificacións do 75% no recibo para as familias numerosas de categoría especial e do 50% para as familias numerosas en xeral. Iso si, sempre que o inmoble sexa vivenda habitual para toda a familia.


Respecto á rodaxe, as bonificacións alcanzan o 75% durante 6 anos naturais dende a súa matriculación para os vehículos híbridos e a mesma porcentaxe para aqueles con motor eléctrico e/ou emisións nulas. Neste último caso, a bonificación tería carácter indefinido. Aqueles outros vehículos que empreguen combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO tamén poderán beneficiarse das bonificacións. Finalmente, os conductores con discapacidade recoñecida quedan exentos do pago, con independencia de que o grao de minusvalía sexa igual ou superior ó 33% como ocorría ata o dagora. En todo caso, o vehículo ten que estar ó seu nome e o seu uso ten que ser exclusivo por parte do titular.


Ademais, co inicio do ano entrou en vigor a nova tarifa única de 91,19 euros no servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para aqueles locais comerciais e empresariais sen actividade co ánimo de aliviar a carga fiscal para os propietarios daqueles inmobles que ostentan o uso comercial ou empresarial pero que no periodo impositivo estiveron baleiros. Sen actividade.
Por último, quedan eliminadas as duplicidades no pago que existían nalgúns servizos do cemiterio municipal. Así, no caso de exhumacións e inhumacións de restos cadavéricos liquidarase unha única taxa por permiso de apertura, con independencia do número de persoas para as que se solicite a licenza sempre e cando se realice no mesmo acto e no mesmo nicho. Tamén se rebaixa a taxa por traslado de cinzas dos 105 euros ós 50.


No caso das bonificacións terán que ser solicitadas por parte dos veciños e veciñas que se queiran acoller a elas durante os periodos establecidos para isto e na casa consistorial informarase de todas as modificacións que veñen de entrar en vigor.