O pleno aproba os orzamentos para 2019

O pleno aproba os orzamentos para 2019

O alcalde, Gumersindo Galego, destaca o carácter social e inversor das contas, que medran pese á rebaixa de tributos como IBI, rodaxe ou lixo

O pleno, en sesión extraordinaria, daba luz verde onte á tarde ós orzamentos municipais para o ano 2019. Unhas contas aprobadas inicialmente que agora se publicarán no Boletín Oficial da Provincia como paso previo á fase de exposición pública. O alcalde, Gumersindo Galego, destacaba o carácter social e inversor das contas, que ascenden a 11,8 millóns de euros, e medran respecto ás anteriores (un 10,90%), pese á rebaixa de tributos como IBI, rodaxe ou lixo aprobada para este ano. Así mesmo, destacou que son os segundos orzamentos dende a súa toma de posesión hai apenas nove meses, dando cumprimento á palabra dada e aprobando un documento que marca as liñas mestras da xestión municipal.


Así as cousas, as contas ríxense por tres principios básicos: blindar as políticas sociais; priorizar os investimentos para transformar a cidade e mellorar a calidade de vida dos veciños, e garantir a solvencia económica do Concello. Así mesmo, a maior previsión de ingresos respecto ós anteriores orzamentos e pese á rebaixa de taxas, vén derivado da actualización dos padróns fiscais e do impulso á área de recadación mediante a creación dun novo posto de técnico nesta área. Nesta liña, a edil de Facenda, Rocío Bértoa, sinalou que permitirá avanzar no cobro dos tributos en periodo voluntario –paralizado en parte dende o ano 2016, cunha parte importante de expedientes sen liquidar- e tamén en periodo executivo.


Así mesmo, a concelleira apuntou que as contas caracterízanse polo seu carácter eminentemente inversor. Así, o proxecto contempla investimentos por valor de 1.225.094,58 euros. Deles, 1.074.472,35 euros corresponden a obras xa proxectadas coma a do cemiterio municipal (que cofinanciarán Deputación e Concello), as obras do POS 2019 (ampliación da rede municipal de augas residuais en As Picas (Magalofes), por un importe de 58.844,16 euros; a reurbanización dos bloques III e IV de San Valentín, cun orzamento de 117.441,01 euros, e o acondicionamento do camiño das Chousas (Barallobre) por máis de 56.000 euros) e as do POS Complementario 2019 (dotación de servizos e reforzo do firme no camiño de A Lombra (Barallobre) por 104.833,13 euros; dotación de servizos e reforzo do firme nos camiños de Os Regueiros e Visura (Sillobre) por 148.550,89 euros, e a pavimentación do vial de Fene a Magalofes por Lubián por 112.399,11 euros. Tamén se prevé a compra dos terreos para materializar a construción dos depósitos de auga en Magalofes, que tamén darán servizo a San Marcos. Un proxecto de calado e vital xa que Magalofes é a única parroquia que carece de rede pública de abastecemento de augas. Outras actuaciones recollidas son a posta en servizo do Punto Limpo que comparte co Concello de Cabanas ou a dotación do alumbrado público dende o campo de fútbol de Os Pinares ata o camiño de Mundín. E, a maiores, a consignación necesaria para facer fronte a investimentos que se acorden durante o exercicio.
Outro dos pilares do proxecto de orzamentos é garantir o investimento social necesario, como eixo de desenvolvemento dunha sociedade máis solidaria e xusta, sendo conscientes das dificultades que moitos veciños e veciñas padecen.

Así, prevese un incremento substancial da partida adicada a Axuda no Domicilio para facer fronte ó aumento das horas de atención ou fondos específicos para políticas de igualdade.


Así mesmo, Rocío Bértoa explicou que, seguindo un criterio de prudencia, óptase por reflexar nas previsións iniciais do orzamento unicamente aquelas subvencións xa resoltas na data de confección das contas ou aquelas que se veñen percibindo periódicamente. De igual modo, contémplase unha operación de préstamo, polo importe do POS+ Complementario, de xeito que no caso de que finalmente a Deputación non achegue tódolos fondos previstos o Concello non se vexa obrigado a renunciar á realización destes investimentos. Non existindo endebedamento con entidades financeiras neste momento, esta opción era a máis garantista coa prohibición especialmente severa para as entidades localis, prohibición absoluta de incurrir en déficit como consecuencia da reforma do artículo 135 da Constitución.