O Concello completa a poda e saneado de 118 árbores en diferentes parques da cidade
22-01-2019
Os traballos foron realizados por operarios municipais entre os meses de novembro e xaneiro
O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos, vén de completar os traballos de poda de 118 árbores sitos en diferentes espazos públicos da cidade. Máis concretamente, no parque Rosalía, no parque Blanco Amor, no parque de Seguridade Vial de Barallobre, nas Vivendas de Sillobre e na Torre.
Segundo explicou o edil de área, Andrés Serantes, os traballos correron por conta de operarios municipais, que se serviron de medios propios e máis dun elevador alugado polo Concello. Iniciáronse a mediados de novembro e prolongáronse ata esta mesma semana. Así mesmo, foi preciso proceder á tala de oito exemplares enfermos e sen posibilidade de recuperación.