A Guía municipal “Vén a Fene” recolle preto de 170 propostas de lecer para disfrutar do municipio os 365 días do ano
12-02-2019
O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, presentaron a publicación, onde se promocionan os actos deseñados polo Concello ata o mes de maio e os impulsados polas asociacions
O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, presentaron esta mañá en rolda de prensa a Guía de Ocio “Vén a Fene 2019”, na que se recollen preto de 170 propostas de carácter cultural, deportivo, gastronómico… de lecer en definitiva para visitar e disfrutar de Fene os 365 días do ano. Aínda así, a cifra medrará sen dúbida, xa que tal e como explicou Juan José Franco o departamento municipal de Turismo tan só incluíu as propostas ideadas polo Concello ata o mes de abril, incluído. Quérese deste xeito respetar a próxima cita electoral. A partir de maio, a guía recolle unicamente as iniciativas previstas polo movemento asociativo, múltiples e variadas. Saíron de imprenta 3.000 exemplares que o Concello repartirá entre as entidades do municipio, entidades supramunicipais e tamén a veciñanza en xeral, que poderá facerse cunha delas tanto no Concello como nas instalacións municipais. Ademais, colgarase na web municipal.
Así, e respecto ás propostas impulsadas polo Concello, Juan José Franco destacou no mes de febreiro a sesión vermú que terá lugar este sábado en San Valentín a cargo do grupo local “Bitch Boys”, que realizará un amplo repaso polos temás máis clásicos da música española dos 70 e 80; tamén a inauguración da exposición de pintura de Ana Basoa o vindeiro luns 18 no CPS de San Valentín, ou a presentación o día 23 da Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas “Vén a Barallobre!. En marzo, Franco avanzou a celebración do máis que tradicional Entroido e tamén a actuación itinerante do Mago Antón, o día 23, polas diferentes parroquias da cidade. En abril, o día 6 celebrarase a presentación do Encontro de Lavandeiras de Sillobre, que este ano contará con moitas novidades na cita, así como unha exposición sobre a Ruta Indiana o día 7 no local social da ACDR O Pote de Maniños, o festival previsto no CCRD de Perlío o día 13 coas actuacións de Polymorphics e Arrivederci, a XXV Festa da Orella “Gastrofesta” en Limodre o día 14, a Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais en San Valentín o día 27 e a Ruta das Fontes en Magalofes o día 28. En Maio celebrarase o Encontro de Lavandeiras en Sillobre, o día 4. Propostas todas elas ás que se suman as impulsadas polas entidades e asociacións de Fene.
Nesta liña, o alcalde poñía en valor o traballo que realizan a diario e o esforzo para sacar adiante iniciativas que, ano tras ano, son exemplo de organización, tal e como valora o público. Entidades como as AVV de Perlío, AVV de Limodre, AVV San Xurxo de Magalofes, AVV San Ramón de Sillobre, ACDR O Pote de Maniños, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, Airiños de Fene, Asociación Vikingos de Río Castro, Asociación Cultural Centolos, Asociación CHS O Cruceiro, CCRD Perlío, CMI Unidad de Fene, Radio Club Alfa Charlie, Cultural Maniños SD, Felicia AC, SCRD Agarimo, Scratch Fene, Por+Vida e AETNA.
Así mesmo, Gumersindo Galego quixo poñer o acento nunha das actividades que albergará o Concello nas próximas semanas como é o Entroido. Asegurou que o Concello ten preparada una programación coa que recuperar a sona desta festa na cidade e aludiu á homenaxe a título póstumo que brindará a asociación Os Tadetas a un dos seus máis queridos integrantes, Juan Manuel Pena Casanova.