Conclúen as obras para poñer fin ás inundacións no peirao de Barallobre
19-02-2019
Os traballos, cun orzamento de 9.000 euros, contemplaron a renovación das canalizacións no último tramo do río e a reposición do firme
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou do remate das obras para poñer fin aos anegamentos que, ata a data, se viñan rexistrando nas vivendas da zona baixa da Ribeiroa, no peirao de Baralllobre. Os traballos contaron cun orzamento de 9.000 euros e consistiron na renovación das canalizacións do río nun tramo de 10 metros, coincidente co treito final.
Esas inundacións comezaron coa entrada en funcionamento da EDAR sita no peirao de Barrallobre, e sempre coincidían en época de choivas. Por este motivo, o Concello encargaba a Viaqua un informe de situación, no que se detectaba que a saída do río canalizado que discorre pola rúa Ribeiroa se atopaba obstruído debido ao derrubamento da canle de saída do río. Un derrubamento que, amáis de impedir a libre circulación da auga, retiña todos os elementos sólidos que transporta o cauce, tal que follas ou paus, o que provocaba un embalsamento da auga dentro do colector. Ese treito de río canalizado está, á súa vez, conectado mediante unha tubería co colector de augas residuais que transporta a auga ata o tanque de tormentas sito na mesma zona. Unha tubería que serve de aliviadoiro ao colector pero que, ao acumular a agua, producía o efecto contrario, colapsando a rede de fecais e provocando desbordamentos polas arquetas dos domicilios.
Para darlle solución, o Concello actuaba nas últimas semanas nos últimos dez metros do tramo do río dende a súa desembocadura. Treito que coincide co punto de conexión do tubo que serve de aliviadoiro ao colector de fecais que transporta a auga residual ao tanque de tormentas. Deste xeito, renovouse ese tramo de 10 metros de canalización. Uns traballos que precisaron da demolición e reposición do aglomerado e dun treito das escaleiras de formigón, a excavación de terras e xestión de residuos e a instalación dun sistema de bombeo mediante pozos e tubos provisionais para a modificación do curso do río mantendo a zona de traballo o máis seca posible, así como a planificación dos traballos coas mareas.