O Concello de Fene conclúe as obras na rede de saneamento e pavimentación do camiño do Cádavo ás Chancas
20-02-2019
O alcalde, Gumersindo Galego, apunta que se investiron uns 73.000 euros
O Concello de Fene vén de concluír as obras de adecuación e mellora do camiño do Cádavo ás Chancas, na parroquia de Perlío. Unha intervención que precisou dun investimento de 73.771 euros procedentes do POS+ 2017.
Nesta liña, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que o paso do tempo e o intenso tráfico que rexistra o camiño derivaron nun evidente deterioro do vial ao que agora se puxo remedio. En concreto, actuouse no treito que arranca da ponte sobre o río Magalofes ata a parte alta, nas Chancas. Uns 235 metros con graves deficiencias no firme e incluso con ausencia del en zonas puntuais. Así as cousas, a intervención contemplou a pavimentación do vial.
Pero previamente, o Concello tamén levou a cabo obras de mellora na rede de abastecemento de auga potable, moi antiga e con constantes roturas e avarías ata ese momento. Así mesmo, instalouse na zona unha rede de saneamento de augas pluviais para evitar que estas circulasen libremente sobre a vía na época de choivas.