O Concello promove novos cursos de intelixencia emocional para o alumnado dos centros educativos de Fene

O Concello promove novos cursos de intelixencia emocional para o alumnado dos centros educativos de Fene

A concelleira de Ensino, Ana Novo, avanza que este martes ábrese o prazo de inscrición na actividade, dirixida a nenos e nenas de Primaria e ESO

A concelleira de Ensino, Ana Novo, explicou esta mañá que, tralo éxito acadado na primeira edición, o Concello decidiu reeditar os cursos de intelixencia emocional para nenos e nenas de Educación Primaria e ESO. Por iso, mañá martes 26 de febreiro, e ata o 5 de marzo, abrirase o prazo de inscrición no programa. Poderá formalizarse en días laborables en horario de 9 a 14 horas no departamento municipal de Ensino do Concello –Avenida de Naturais, 44, entresollado-. O custe da actividade é de 10,90 euros.


Están dirixidos a nenos e nenas que cursen Educación Primaria –de 3º a 6º curso- e ESO –de 1º a 4º-. Arrancarán o 13 de marzo e prolongaranse ata o mes de xuño. Celebraranse os días 13 e 27 de marzo, 10 e 24 de abril, 8 e 22 de maio, e 5 de xuño, en horario de 16 a 17 horas –ESO- e de 17 a 18 h –Primaria-. O programa concluirá cunha charla, o 11 de xuño ás 18,30 h dirixida ás nais e pais, baixo o título “Que aprendemos?”.


As prazas están limitadas e cubriranse por rigurosa orde de inscrición.


O obxectivo dos obradoiros, que impartirán a psicóloga e coach Fátima García e a facilitadora María Cayón, é desenvolver habilidades de intelixencia emocional nunha contorna lúdica, descubrindo as emocións propias e como xestionalas, potenciando a autoestima e aprendendo habelencias sociais.