O Concello elabora e presenta a diferentes convocatorias de axudas proxectos por valor de 594.812,55 euros
26-02-2019
O concelleiro de Urbanismo e Formación, Juan José Franco, explica que o obxectivo é recabar a colaboración económica doutras administracións para reducir o custe das obras, servizos e programas municipais
O concelleiro de Urbanismo, Formación e Promoción Turística, Juan José Franco, informou onte pola mañá en comisión de que o Concello de Fene vén de presentar a diferentes liñas de axudas públicas ata once proxectos cun investimento de 594.812,55 euros. Deste, solicítanse subvencións por valor de 359.340,071 euros, máis do 60%. Nesta liña, o edil apunta que o obxectivo pasa por recabar fondos procedentes doutras administracións para levar a cabo obras, servizos e programas, conseguindo minimizar o custe para as arcas locais.
Neste sentido, os proxectos presentados permitirán avanzar na renovación do alumbrado público en San Valentín –cun investimento cercano aos 50.000 euros e unha axuda do 80%-; na sinalización de recursos turísticos –orzamentado en 4.464,90 euros e unha petición de axuda do 85%; da man do Concello de Cabanas, impulsar diferentes melloras no polígono de Vilar do Colo: a renovación do equipamento e infraestruturas do alumeado público (119.818,99 euros, para os que se solicita unha achega do 80%); a reorganización e substitución dos colectores (78.767,68 euros e unha petición de achega do 80%) ou a mellora da accesibilidade (cun investimento de 126.526,75 euros para os que se solicitou unha achega do 76,5%); a organización do II Festival das Ondas (cun orzamento de 30.613 euros dos que 15.306 euros procederían dunha subvención); a limpeza de praias (durante tres meses cun investimento de 18.722 euros); a contratación de persoal para a Oficina de Turismo (solicítase unha axuda de 11.165,94 euros para financiar un contrato de 4 meses), e a contratación de persoal a través de tres programas: Programas de Cooperación –xunto a Cabanas, o proxecto presentado contempla a contratación de dous peóns por un periodo de tres meses-; Risga –solicítanse axudas para a contratación dun peón de limpeza viaria durante nove meses-, e PEL da Deputación –contratación de seis peóns e un oficial albanel por espazo de catro meses-.
Por último, Juan José Franco quixo agradecer e destacar o intenso traballo realizado polo departamento municipal de Promoción Económica para a elaboración e tramitación dos proxectos e confía en recibir o visto bo das diferentes administracións para a súa materialización.