Concello e comercio promoven o Outlet de fin de tempada este sábado
A cita busca dinamizar as vendas con saldos e promocións e o sorteo de vales para mercar no comercio local por valor de 600 euros
14-03-2019
Fene acollerá este sábado 16 de marzo o Outlet de fin de tempada e, esta mañá, o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaba a cita, incluída no programa “Merca en Fene, Todo queda na casa”. Avanzaba que a feira, que arrancará ás 10 horas e se prolongará ata as 20 h, contará coa participación de 25 comercios e máis dous establecementos hostaleiros, que ofrecerán tamén promocións especiais. Moda, textil, ópticas, calzado, produtos de agasallo ou labores concentran a oferta da feira. A Avenida do Concello, Avenida Naturais, rúa da Fraga e Marqués de Figueroa serán os escenarios do Outlet. E, baixo carpa, algúns negocios tamén ofrecerán os seus produtos na praza Verde.
Nesta liña, o edil César Castro subliñou que o obxectivo principal da feira é ofrecer ao comercio local unha boa oportunidade para dar saída aos últimos produtos de tempada e dinamizar as vendas a través de saldos e promocións que atraian á xente. Por iso, a clientela, ademais de grandes descontos, entrará no sorteo da xincana dos premios. En total, repartiranse vales de compra por valor de 600 euros para mercar nos establecementos adheridos á iniciativa o día 22 de marzo en horario comercial. Así mesmo, repartiranse bolsas reutilizables.
A cita está organizada polo Concello, a través da Concellería de Promoción Económica, e en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro.
Os comercios participantes son: Berline Boutique, Calzados Locay, Mayka Calzados, Mercería Costuras, Dama Moda, Jomer Moda, Loly Calvo Lencería, Lualé 114 Deportes, Más Sport, Regalos Artabria, El baúl de Bego Moda, Un pedacito de mí moda infantil, Calzados San Ros, Caasi Moda, Koralli Boutique, Yovi Peluquería de mascotas, Moda Fene e, baixo carpa, Esencias del Tíbet, Verdegaio Fotografía, Perla Multiprecios, A Xoaniña Labores e Moda Lidia. Os locais hostaleiros son Café Bar Pachamaná e Mesón O son da cociña.
Por último, o Concello anima a todo o mundo a achegarse a Fene e mercar calidade a baixo prezo.