O Concello de Fene executa o desbroce de catro fincas particulares
18-03-2019
En dous casos precisou de autorización xudicial e os expedientes continuarán coa reclamación dos gastos orixinados polos traballos
Ante a desidia e abandono por parte dos seus propietarios, o Concello de Fene vén de desbrozar catro fincas particulares. En concreto, dúas na parroquia de Sillobre, outra na de Limodre e unha cuarta en Maniños. A intervención municipal levouse a cabo tras a apertura dos correspondentes expedientes. En dous casos e tras a notificación da necesidade de que se procedese ao desbroce sen obter resultados e constantado que os traballos non requerían dun acto de forza, o Concello executou a intervención. Noutros dous foi preciso contar con autorización xudicial.
Agora, a Policía Local emitirá os correspondentes informes para continuar coa tramitación dos expedientes. Esta pasa pola reclamación do custe dos traballos realizados aos seus propietarios. En caso de que se neguen ou declaren insolventes o Concello procedería ao embargo deste ou doutros bens.
En todos os casos, os expedientes abríronse a raíz de denuncias veciñais e, neste senso, o Concello lembra a obriga dos propietarios de manter en boas condicións de mantemento as súas fincas.