O Concello estrea sede electrónica
Trátase dunha plataforma máis versátil e funcional
18-03-2019
O Concello de Fene vén de estrear sede electrónica. Unha plataforma máis versátil e funcional que facilita á veciñanza a interacción dun xeito máis áxil e intuitivo co Concello sen horarios nin esperas, realizando xestións sen moverse do seu domicilio ou oficina e dun xeito seguro.
A sede electrónica funciona 24 horas durante os 365 días do ano e permite realizar numerosos trámites cotiáns ante a administración como o envío de solicitudes, a validación de documentos electrónicos ou a consulta de expedientes e notificacións.
A nova sede adáptase á nova lexislación en materia de protección de datos e permite o acceso identificándose con clave segura, polo que xa non será necesario instalar ningún software ou hardware adicional e os trámites poden realizarse dende calquera dispositivo móbil (ordenador, teléfono, tableta...). A nova plataforma conta ademais con máis certificados de autoservizo, como a posibilidade de xerar certificados de empadroamento.
A día de hoxe, os trámites realizados a través das sedes electrónicas da Deputación e os concellos, sumadas ás que proceden do Sistema de Inconexión de Rexistros (RIS) xa superan as entradas efectuadas nos rexistros de forma presencial.
A renovación foi posible grazas á intervención da Deputación, que investiu 123.904 euros na renovación das sedes electrónicas das administracións locais da provincia.