O Concello organiza este luns a charla “Consumo responsable de fármacos”

O Concello organiza este luns a charla “Consumo responsable de fármacos”

Terá lugar no local da AVV Santa Eulalia de Limodre, a partir das 19 horas Estará impartida polo farmacéutico de ASFEDRO

O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza este luns 6 de maio unha charla-coloquio baixo o título “Consumo responsable de fármacos”. Con entrada libre, terá lugar a partir das 19 horas no local da AVV Santa Eulalia de Limodre (rúa Estrada A Penalonga s/n 15627 Limodre). Correrá a cargo do farmacéutico de ASFEDRO e, con ela, búscase facilitar información básica sobre fármacos, informar e concienciar dos riscos da automedicación e formar no uso moderado e responsable dos mesmos. Vai dirixida á poboación en xeral e inclúese no marco do proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas, que o Concello de Fene leva a cabo conxuntamente con Neda e Mugardos, e subvencionado pola Consellería de Sanidade.


As actividades de información e sensibilización que se desenvolven están xustificadas pola baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos, de aí que adquiran sentido aquelas actuacións encamiñadas a mellorar a información precisa e axeitada sobre as adiccións.


Información que axude a entender as características xerais do fenómeno que nos ocupa, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia.