A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este xoves
08-05-2019
Permanecerá diante do centro de saúde de 9,30 a 14,30 h e de 15,30 a 21 h
A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este xoves 9 de maio a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde en horario de mañá –de 9,30 a 14,30 h- e de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo
a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e mesmo salvar a súa
vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50
quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue
(hepatites B ou C, sífilis ou SIDA).
Antes da doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia
verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista
confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón. A
doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril
e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son
divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os
compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha
única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres
enfermos.