Maniños acollerá o I VinchOPote, unha cita gastronómica para nenos e maiores con concertos, baile, xogos e deporte

Maniños acollerá o I VinchOPote, unha cita gastronómica para nenos e maiores con concertos, baile, xogos e deporte

O salón de plenos da consistorial acollía a presentación oficial da cita, que se celebrará o 8 de xuño organizada conxuntamente pola comisión de festas, a SCRD O Pote e máis a cantina da entidade


Maniños acollerá o vindeiro 8 de xuño a primeira edición do VinchOPote e os seus promotores, Jesús Marcos, Adrián Gabín e Javier Rodríguez Fernández, da comisión de festas e da SCRD O Pote, presentaban a cita na casa consistorial xunto ao alcalde, Gumersindo Galego; a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e Jacob Sanjurjo, do Grupo Reboreda Morgadío, bodegas que colaboran co evento.
VinchOPote está organizada pola SCRD O Pote, a comisión de festas e a cantina da entidade e celebrarase no recinto de Maniños. Unha festa para todo o día e para todos os públicos que arrancará ás 11,30 horas coa apertura de portas e, ás 12 horas, na cantina do Pote, concurso de cata de viños con inscricións de 2 euros por parella e premios para os tres primeiros clasificados, e torneo de chave, coa mesma loxística. Paralelamente, haberá diversas carpas onde o público asistente poderá degustar un pincho e máis unha maridaxe de bodegas GRM con cada consumición, así como un rascagaña para entrar a participar nos sorteos de múltiples agasallos. Sobre as 13,30 horas, comezará a sesión vermut amenizada polo cantautor Al Vila.


Así, a partir das 14 horas, comezaránse a servir as racións de callos e churrasco e, sobre as 16,30 horas, poranse en servizo xogos infantís para os máis pequenos da casa. A cita continuará con diferentes exhibicións de baile a cargo da Escola Tedaga de Narón, a partir das 18 horas e, sobre as 19,30 horas, retomarase a actividade nas carpas do VinchOPote.


Así mesmo, pola noite será o turno dos concertos, coas actuacións estelares dos grupos Delaostia e Dani Royo e Versions Band.


A cita contará cun acceso específico para as persoas con mobilidade reducida e aparcadoiro reservado.


Pola súa banda, Gumersindo Galego asegurou que o Concello saúda esta iniciativa pola súa promoción da cultura gastronómica, cuns excelentes referentes nos establecementos hostaleiros da localidade. Reafirmou o
apoio do Concello e convidou non só á veciñanza de Fene a secundar esta cita, senón a toda a cidadanía da comarca.