Cita este sábado en Maniños co I VinchOPote
06-06-2019
Unha festa gastronómica para todos os públicos con concertos, baile, xogos e deportes, entre outros reclamos
Comisión de Festas, SCRD O Pote e a cantina desta organizan este sábado 8 de xuño a primeira edición do VinchOPote, unha festa para nenos e maiores que arrancará xa pola mañá e se estenderá ata ben entrada a noite con múltiples reclamos, dende gastronómicos ata musicais.
Unha cita obrigada no recinto de Maniños cun cartel de luxo. Así, ás 11,30 horas está prevista a apertura de portas e, ás 12 horas, na cantina do Pote, celebrarase o concurso de cata de viños con inscricións de 2 euros por parella e premios para os tres primeiros clasificados, e o torneo de chave, coa mesma loxística. Paralelamente, haberá diversas carpas onde o público asistente poderá degustar un pincho e máis unha maridaxe de bodegas GRM con cada consumición, así como un rascagaña para entrar a participar nos sorteos de múltiples agasallos. Sobre as 13,30 horas, comezará a sesión vermut amenizada polo cantautor Al Vila.
Xa ás 14 horas, comezaranse a servir as racións de callos e churrasco e, sobre as 16,30 horas, poñeranse en servizo xogos infantís para os máis pequenos da casa. A cita continuará con diferentes exhibicións de baile a cargo da Escola Tedaga de Narón a partir das 18 horas e, sobre as 19,30 horas, retomarase a actividade nas carpas do VinchOPote.
Así mesmo, pola noite será o turno dos concertos, coas actuacións estelares dos grupos Delaostia e Dani Royo e Versions Band.
A cita contará cun acceso específico para as persoas con mobilidade reducida e aparcadoiro reservado.
Na cita colaboran o Concello e o Grupo Reboreda Morgadío.