Desfiles, baile, DJs, performances, sorteos e moitos descontos na Fashion Night de Fene

Desfiles, baile, DJs, performances, sorteos e moitos descontos na Fashion Night de Fene

Organizada por Concello e Asociación O Cruceiro, celebrarase este sábado baixo o título “Festa en Branco”, coa temática ibicenca por bandeira

Desfiles, baile, música, sorteos, obradoiros, degustacións… e moitos descontos e promocións son tan só algúns dos reclamos da Fashion Night de Fene que se celebrará o vindeiro sábado 15 de xuño baixo o lema “Festa en Branco”. Unha cita que avanzaban o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, e o presidente da Asociación O Cruceiro, Juan Ramos.

Na organización Concello e Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro volven aúnar esforzos e, finalmente, serán 36 establecementos de comercio e hostalería os adheridos á programación prevista. Así mesmo, e como principal novidade, nesta edición a Fashion Night terá a temática ibicenca por bandeira, co que se anima á veciñanza a participar da mesma vestíndose de cor branca. Así mesmo, o performance Pablo Méndez realizará ao longo do día tres pasarrúas baixo o título que dá nome á Fashion Night: ás 18 horas pola Avenida Marqués de Figueroa; ás 20 horas pola Avenida Naturais, e ás 23 horas pola rúa da Fraga.


As escolas de baile locais May Dance, Paso a Paso e Fusion Dance actuarán na praza do Perla e na praza do Concello e haberá ambientación musical a cargo de Djs nestes dous espazos así como na Avenida Marqués de Figueroa. Non faltarán tampouco os desfiles de moda: ás 19 horas na praza do Perla e ás 21 horas na do Concello, así como diferentes obradoiros e sesión de photocall na praza Verde, xa dende as 17 horas.


Os comercios adheridos abrirán as súas portas ata a 1 da mañá e os establecementos de hostalería prepararán cócteles especiais para a ocasión.

O evento estase a consolidar como un auténtico referente na comarca, ofrecendo novas razóns para acudir ao municipio, realizar nel compras e tamén disfrutar da súa hostalería. Unha iniciativa, ao mesmo tempo, de impulso á economía local.