Éxito de público na Fashion Night de Fene
17-06-2019
O Concello destaca o poder de convocatoria desta edición, na que xogou un papel máis que destacado a gran animación a pé de rúa
O Concello de Fene destacou esta mañá o extraordinario éxito de público rexistrado o pasado sábado na Fashion Night de Fene. Unha afluencia que se sentiu e notou nas principais rúas e prazas do casco urbano do municipio, e que non decaeu ata ben entrada a madrugada. Unhas cifras que demostran que se trata dunha cita xa consolidada no calendario local pola que continuará apostando o Concello xunto coa Asociación O Cruceiro, a quen agradece a súa colaboración permanente.
Precisamente, a implicación amosada por comercio e hostalería locais constitúe a clave do éxito, xunto co programa deseñado, no que este ano se primou sobre todo a animación a pé de rúa.
Na organización Concello e Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro volveron aúnar esforzos e, finalmente, foron 36 establecementos de comercio e hostalería os adheridos ao programa. A Fashion Night tivo a temática ibicenca por bandeira e un dos reclamos desa ambientación foi o performance Pablo Méndez, que realizou ao longo do día tres pasarrúas baixo o título que daba nome á Fashion Night: En branco. Así mesmo, as escolas de baile locais May Dance, Paso a Paso e Fusion Dance ofreceron diversas actuación e non faltaron DJs para pór a nota musical.
Os comercios adheridos abriron as súas portas ata a 1 da mañá e os establecementos de hostalería prepararon cócteles especiais para a ocasión. Desfiles, obradoiros e moitos descontos completaron a programación.