O proxecto conta co respaldo da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta
Arranca a Escola de Pilotos de Drons para moz@s de entre 14 e 30 anos que promove o Concello de Fene
A Universidade da Coruña participará do mesmo cunha charla en torno aos traballos de futuro e as carreiras vencelladas con maior demanda
25-06-2019
Un total de 25 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos participa dende onte na Escola de Pilotos de Drons que organiza o Concello de Fene. Un proxecto divulgativo e formativo en torno ao uso dos drons e a súas aplicacións que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
A través del, potenciarase o coñecemento e autoaprendizaxe en torno ao mundo dos drons, unha disciplina tecnolóxica que incentivará aos mozos e mozas a súa curiosidade por desenvolver unha carreira de futuro neste eido tan demandado. Por iso, a Universidade da Coruña tamén participará nos obradoiros cunha charla en torno aos traballos do futuro e as carreiras que máis demanda terán.
Durante tres semanas, as persoas participantes aprenderán sobre reparación, montaxe, aplicacións civís dos drons, drons terrestres… e como non, a pilotar estas aeronaves. Para iso, cada participante disporá dun dron co que practicar no seu tempo libre unha vez adquiridas as nocións básicas de voo. Deste xeito progresará máis rápido e na fase final da formación aprenderá a pilotar drons deportivos e acrobáticos.
Durante a formación, tamén aprenderán a montar unha cámara e un transmisor de vídeo no seu dron, para poder pilotalo en primeira persoa.
Finalmente os/as participantes quedarán co seu dron personalizado e realizarán unha demostración aberta ao público nun circuito de carreiras, onde deberán demostrar as habilidades aprendidas durante o curso. Será o sábado 13 de xullo pola mañá no Pavillón da Xunqueira.