O Concello de Fene concorre a dúas convocatorias de obradoiros de emprego
O edil de Formación e Emprego, Juan José Franco, apunta que Fene presentou os proxectos da man dos concellos de Ares, Mugardos, Neda e Cabanas
19-07-2019
O concelleiro de Formación e Emprego, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello de Fene, xunto cos de Ares, Mugardos, Neda e Cabanas, concorre ás dúas convocatorias de obradoiros de emprego publicadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria: o Proxecto INICIA IV, programa mixto de emprego e formación dirixido a mozos e mozas empadroadas nun dos cinco concellos e que estean inscritos no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, e o Proxecto REINICIA VI, programa mixto de emprego e formación dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos.
No primeiro caso, Juan José Franco apunta que a inscrición no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil é un requisito indispensable para poder participar no obradoiro e, dende a área de formación e emprego do Concello, lémbrase que para formalizalo accédese a través do seguinte enlace: ttps://www.sepe.es/HomeSepe/Personas/encontrar-trabajo/Garantia-Juvenil.html.
Os requisitos para inscribirse no programa de garantía xuvenil son: estar empadroado en calquera localidade do territorio nacional español; ter máis de 16 anos e menos de 30, no momento de solicitar a inscrición no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; non estar realizando accións formativas nin educativas; non estar traballando, e presentar unha declaración expresa de ter interese en participar no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, adquirindo un compromiso de participación activa nas actuacións que se desenvolvan no marco da Garantía Xuvenil.
Nesta liña, o concelleiro sinala que, aínda que pendente da súa aprobación, solicitouse a especialidade formativo ocupacional de: Fábrica e Montaxe de Instalación de Tubería Industrial, curso de nivel 2 que require estudos de ESO ou equivalente. Tamén é requisito imprescindible para poder acceder a este programa ser maior de 18 anos.
No tocante ao Proxecto Reinicia VI, Juan José Franco informou de que as especialidades formativo ocupacionais solicitadas son as seguintes: Atención sociosanitaria no domicilio, curso de nivel 2 que require estudos de ESO ou equivalente e Traballos de carpintería e moble, curso de nivel 1 que require estudos primarios.