O Concello de Fene habilita un punto de encontro na Escola Infantil Galiña Azul
08-08-2019
Servirá de lugar de reunión dos/as usuarios/as en caso de emerxencia
O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate dos traballos para dotar a Escola Infantil Galiña Azul dun Punto de Encontro que servirá de reunión dos/as usuarios/as en caso de emerxencia.
A intervención realizada requeriu dun investimento de 17.414,52 euros, que o Concello financiou con cargo ao remanente municipal.
Nesta liña, o rexidor sinalou que o punto de encontro sitúase na saída existente na fachada noroeste do edificio novo, que dá acceso ao camiño público. E, para habilitalo, procedeuse a cortar o muro de peche da parcela nunha lonxitude de 5,25 metros para dar así saída ao camiño a través dunha porta de malla electrosoldada e realizouse unha viga de cimentación para colocar os postes de peche.
Así mesmo, Gumersindo Galego explicou que ao fío da actuación o Concello retirou da zona de xogos un bordillo de formigón que podía supoñer un certo risco, ao tempo que levou a cabo o sellado de grietas na fachada e o arranxo do canalón.