O alcalde recepciona o novo vehículo de atestados e con oficina móbil adquirido polo Concello para a Policía Local
21-08-2019
Permitirá aos axentes elaborar in situ os atestados, ofrecendo unha mellor atención á veciñanza e facilitando o traballo que realizan a pé de rúa
O alcalde, Gumersindo Galego, vén de recepcionar o novo vehículo de atestados e oficina móbil adquirido polo Concello para a Policía Local de Fene. O vehículo requeriu dun investimento de 46.627,57 euros e, na práctica, permitirá aos axentes elaborar in situ os atestados, ofrecendo unha mellor atención á veciñanza e facilitando o traballo que realizan a pé de rúa, axilizando a tramitación.
Así as cousas, o furgón da Policía Local conta cunha zona de oficina móbil, equipada con mobiliario, tres asentos fixos –un para o axente operador e outros dous-, equipos informáticos e instalación eléctrica. Un equipamento moderno e adecuado para desenvolver as tarefas policiais e prestar a adecuada atención á cidadanía.
De igual xeito, o vehículo dispón de porta corredeira lateral, portón traseiro, emisora e instalación completa con antena, extintor, botiquín de primeiros auxilios, ponte de iluminación de emerxencia, rotulación e sinaléctica, entre outras cuestións.
Así, a partir desta semana, o vehículo pasará a formar parte do parque móbil municipal, tras un investimento realizado con fondos propios e atendendo a unha demanda trasladada pola plantilla.