Arrancan as obras de saneamento, renovación da rede de abastecemento de auga e aglomerado do Camiño do Sartego

Arrancan as obras de saneamento, renovación da rede de abastecemento de auga e aglomerado do Camiño do Sartego

A intervención tamén contempla a pavimentación da rúa Fontenova Fene, 05 de setembro de 2019.

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do inicio das obras de renovación da rede de abastecemento de auga, saneamento e aglomerado no Camiño do Sartego –dende a Avenida Naturais ata o Camiño de Casanova- e a pavimentación da rúa Fontenova– entre o Museo do Humor e ata o propio Camiño do Sartego-. A actuación contempla un investimento total de preto de 135.000 euros e financiarase con cargo a fondos procedentes da Deputación provincial da Coruña e fondos propios. Ata o momento, o camiño do Sartego conta cunha rede unitaria de saneamento –que conduce as augas residuais e pluviais.

Entre setembro e novembro de 2015, a empresa concesionaria do servizo de augas levou a cabo diversas inspeccións da rede de alcantarillado no treito comprendido entre a Avenida Naturais e o camiño de Casanova, constatando o seu deterioro, que deriva en filtracións e que se traducen en afundimentos e danos no firme.

Como solución, o Concello renovará a rede de abastecemento de auga; procederá á reposición do colector de saneamento sito no Camiño do Sartego e, tamén, ao desdobre con novas redes de saneamento separativas, unha para augas residuais e outra para pluviais. Ademais, pavimentarase todo o camiño.

RÚA FONTENOVA

De igual xeito, e tendo en consideración tamén o estado actual de parte da rúa Fontenova (dende o Museo do Humor ata Camiño do Sartego), a intervención contempla a reposición do pavimento existente mediante mistura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada, así como a execución dun paso transversal para peóns sobreelevado nas inmediacións do seu extremo leste (saída a AC-115, P.K. 0+160 marxe dereita).

RETRASOS

Gumersindo Galego sinalou que, aínda que a intervención foi adxudicada o mes de xaneiro, a mala planificación da intervención por parte do anterior Goberno municipal demorou o inicio da actuación. Nesta liña, lembrou que o citado camiño rexistrara problemas continuos na rede de abastecemento de auga que derivaron tamén en rebacheos continuos no vial.

Sen embargo, o seu predecesor encarga a reforma do vial e a dotación da rede de alcantarillado –que nunca fallara ata ese momento- e esquécese de incluír a renovación da rede de augas. Para solventar a situación, e tras a adxudicación da intervención, o Concello viuse obrigado a realizar un complementario de ata 48.000 euros –que se sumaron aos case 87.000 euros previstos para as obras- para contemplar a renovación deste servizo. Obras que se realizarán con cargo a fondos municipais e evitarán que, ante novas roturas da rede, se teña que volver a levantar un aglomerado novo.