O goberno de Gumersindo Galego saca adiante as obras do POS+ adicional coa abstención dos grupos da oposición

O goberno de Gumersindo Galego saca adiante as obras do POS+ adicional coa abstención dos grupos da oposición

A proposta, que contempla o acondicionamento da rúa Santa Ana no marco do Camiño Inglés, foi aprobada esta mañá en pleno extraordinario

O alcalde, Gumersindo Galego, informou hoxe da aprobación en pleno extraordinario do Plan Provincial de Obras e Servizos Adicional (POS+Adicional): as obras de reforzo do firme na rúa Santa Ana e un tramo da rúa Travesa. A proposta saíu adiante co voto favorable do grupo de goberno e a abstención dos demais grupos da corporación.


A actuación levarase a cabo no Camiño Inglés ao seu paso por Fene e contempla un investimento de ata 91.657,51 euros (75.750,01 euros sen IVE), dos cales 82.466 euros correrán a cargo do POS+ Adicional da Deputación provincial da Coruña e os 9.191,15 euros restantes contarán con financiamento propio do Concello de Fene.


Segundo o alcalde, Gumersindo Galego, priorízanse estas actuacións por formar parte o trazado do Camiño Inglés a Santiago de Compostela, máxime tendo en conta que estamos en datas próximas ao vindeiro Ano Santo, que será no 2021.
Nesta liña, e tendo en conta o interese crecente dos peregrinos por esta ruta xacobea, considerouse dende o Concello de Fene que esta actuación era unha prioridade para incorporar ao plan de obras e servizos provincial.


O proxecto contempla a realización de traballos de pavimentación e sinalización entre a rúa Travesa (Fene) e a rúa Santa Ana (Perlío), que na actualidade presenta un importante deterioro. As obras, que o Concello sacará a contratación, executaranse nun trazado de 943 metros de lonxitude e, unha vez iniciados os traballos, o prazo previsto para a execución é de tres meses.