Corte de tráfico este xoves na AC133 polos traballos de reparación do firme que executará a Xunta a instancias do Concello

Corte de tráfico este xoves na AC133 polos traballos de reparación do firme que executará a Xunta a instancias do Concello

A Administración galega atende así as reivindicacións veciñais trasladadas polo alcalde, Gumersindo Galego, para mellorar a seguridade do vial

O Concello de Fene informa de que a Xunta de Galicia executará mañá xoves 19 de setembro a segunda fase das obras de mellora do firme da estrada da Palma ao seu paso por Barallobre. Unha intervención realizada a instancias do alcalde, Gumersindo Galego, quen á súa vez se facía eco das reivindicacións veciñais. O obxectivo da intervención é reforzar e blindar a seguridade do vial. Así, a actuación iniciábase a semana pasada, co rebacheo do firme e, mañá xoves, completarase coa aplicación dun microaglomerado asfáltico. Un material que se caracteriza pola súa condición de antideslizante.


Esta mañá, o concelleiro de Obras, Andrés Serantes, acompañaba á empresa adxudicataria das obras nun percorrido polo vial de cara a planificar a sinalización coa que se fixarán os cortes de tráfico. O Concello informa neste sentido de que a estrada quedará restrinxida ao tráfico rodado mañá e tarde por mor dos traballos, establecéndose vías alternativas.


As obras levaranse a cabo do punto kilométrico 2.500 ao 3.400, dende a curva do Piqueiro ata a ponte da vía do tren, e do PK. 1.400 ao P.K. 1.400 ao 1.620, nas curvas existentes, dende o supermercado e en dirección ao Penedo.


Por último, aínda que nos últimos días se instalou sinalización provisional tendente a favorecer a redución da velocidade, nas próximas semanas dotarase o vial de novas sinais lumínicas que reforcen este extremo.