O Concello dará resposta á demanda histórica de acondicionamento do camiño de Ameneiro
26-09-2019
O alcalde, Gumersindo Galego, avanza un investimento de 44.060 euros neste vial, sito na parroquia de Sillobre, con cargo ás axudas de Agader
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá que o Concello procederá ao aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre, cun investimento de 44.060 euros. Investimento que a Administración local financiará ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Unha intervención que, como lembrou o rexidor, supón unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada. Tras décadas de inacción, en 2018, a Concellería de Servizos que dirixía o popular Andrés Serantes realizaba unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno de Gumersindo Galego incluía a actuación agora en contratación nesta liña de axudas. Para iso, establecía neste punto o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro.
A intervención saía a licitación nas últimas semanas, e actuarase ao longo de 450 metros, e ancho variable. O vial dá acceso, dende a estrada CP-1503, aos núcleos de A Curveira e Vrea e as obras dividiranse en dúas fases: dende o P.K. 0+000 ao P.K. 0+258,614 e dende este último ao P.K. 0+450.
Así, o proxecto contempla o asfaltado da vía e máis os traballos de sinalización viaria.