O Concello abre o prazo para que os locais de hostalería se apunten no XII Concurso de Tapas
01-10-2019
O certame busca promover e dinamizar a actividade do sector, fomentando a especialización das tapas e consolidando o tapeo tradicional
O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Juan José Franco, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no XII Concurso de Tapas de Fene. Así, os establecementos de hostalería interesados poden anotarse no Rexistro Xeral do Concello ata o día 16 de outubro (incluído).
Co certame, o Concello busca promover e dinamizar a actividade da hostalería, fomentando a especialización e a mellora da calidade das tapas así como consolidar o tapeo tradicional.
Así, o concurso desenvolverase a partir do 8 de novembro e, en función do número de establecementos participantes, estenderase ata o 17 de novembro (de contar cun mínimo de 10), o 24 de novembro (entre 11 e 15 inscritos) ou 1 de decembro (máis de 15). Desenvolverase os venres de 20 a 22 horas; sábados de 13 a 15 h e de 20 a 22 h e, os domingos, de 13 a 15 horas.
Así mesmo, haberá dúas categorías: tapa tradicional e tapa creativa, e os interesados que queiran recibir asesoramento para a elaboración da tapa, poden solicítalo antes de inscribirse.
As bases do certame poden consultarse na web municipal www.fene.gal, onde tamén se pode descargar a ficha de inscrición.