Arranca o obradoiro de emprego INICIA IV

Arranca o obradoiro de emprego INICIA IV

Fene lidera a iniciativa que impulsa xunto aos concellos de Ares, Mugardos, Neda e Cabanas, e que formará a 16 veciños e veciñas na especialidade Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial

O Concello de Fene vén de poñer en marcha esta semana o obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil “INICIA IV”. Faino en conxunto con Ares, Mugardos, Neda e Cabanas, pois esta iniciativa formará a 16 alumnos destes concellos (7 de Fene, 3 de Ares, 3 de Mugardos e 3 de Neda).


O alcalde, Gumersindo Galego, acompañado do concelleiro de Promoción Económica e Formación, Juan José Franco, inauguraban a acción formativa e visitaban na nave municipal de San Marcos aos veciños e veciñas participantes neste obradoiro de emprego de “Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial”.


Trátase dun programa mixto de emprego e formación dirixido á mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas. Conta co apoio da Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. A duración do proxecto é de seis meses e, durante o mesmo, os alumnos estarán contratados pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe, polo que recibirán as retribucións correspondentes.

Así mesmo, a acción consta de parte práctica e, na mesma, levarán a cabo unha serie de traballos. Máis en concreto, en Fene realizarán unha varanda de protección do río Cádavo e varandas de acceso ao parque Castelao, namentras que en Ares, realizarán varandas laterais para a súa instalación no graderío do campo de fútbol municipal de Prados Vellos.