O Concello de Fene aproba a súa adhesión á central de contratación da FEMP
11-10-2019
A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, apunta que a iniciativa facilitará a contratación de obras, servizos e suministros e permitirá o aforro de custes, redución de tempos e simplificación da tramitación
O pleno do Concello de Fene acordou na sesión ordinaria celebrada a semana pasada a adhesión da Administración local á central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A proposta do equipo de goberno saíu adiante por unanimidade.
Na sesión, a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, destacou a utilidade da central para entidades locais como a de Fene, facilitándolle a súa adhesión a contratación de obras, servizos e suministros e permitíndolle aforrar custes, reducir tempos e simplificar a tramitación, así como regularizar moitos dos contratos. Trátase, defendeu a edil, dun sistema flexible que permite simplificar os procedementos, conseguindo unha maior eficacia.