O Concello inicia de urxencia as obras para pór fin ás inundacións na rúa da Fraga
18-10-2019
O alcalde, Gumersindo Galego, avanza un investimento de 48.000 euros para a renovación da tubería no tramo que conecta con Marqués de Figueroa
Durante a próxima semana, as obras obrigarán a restrinxir a circulación no tramo entre Electroagro e o entronque coa Avenida Marqués de Figueroa
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou do inicio con carácter urxente das obras para dar solución ás inundacións que se rexistraron nas últimas semanas na rúa da Fraga. Unha intervención orzamentada en 48.000 euros, procedentes de fondos propios, e un prazo estimado de execución duns dez días. Nesta liña, as obras obrigarán a cortar a circulación no tramo entre Electroagro e o entronque coa Avenida Marqués de Figueroa durante a próxima semana.
Así as cousas, Gumersindo Galego sinalou que a actuación lévase a cabo tras constatar a inundación da vía e a presenza de filtracións de auga nos garaxes dun dos inmobles. É entón cando o Concello, xunto á concesionaria do servizo de aguas, analiza a situación e localiza a rotura da tubería de saneamento no treito de unión coa Avenida Marqués de Figueroa. En cuestión de días, encarga o proxecto e solicita as correspondentes autorizacións. E, tras consignar a necesaria partida, inicia esta semana as obras.
Levaranse a cabo nun tramo de 75 metros e os traballos contemplan a substitución da tubería de fibrocemento por outra de PVC.