O Concello de Fene investirá 117.000 euros nas obras de reurbanización dos bloques III e IV en San Valentín
23-10-2019
A intervención permitirá completar este tipo de actuación nos bloques que dan á Avenida do Mar e inclúe o acondicionamento de beirarrúas e xardíns
O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da aprobación en xunta de goberno local do expediente de contratación, autorización de gasto e apertura do procedemento para levar a cabo as obras de reurbanización dos bloques III e IV en San Valentín. Unha intervención na que o Concello investirá 117.441,01 euros con cargo ao POS+2019.
As obras que sairán agora a contratación contemplan esencialmente o acondicionamento das beirarrúas e das zonas axardinadas e, con elas, o Concello concluirá a reurbanización de todos os bloques de San Valentín que dan á Avenida do Mar. Lembrar que este tipo de intervencións arrancaban no bloque 7, nunha elección que se determinaba por sorteo, e que en diferentes anualidades se continuou noutros bloques.