Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda impulsan un obradoiro de emprego para formar a alumn@s na atención á dependencia e no sector da carpintería

Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda impulsan un obradoiro de emprego para formar a alumn@s na atención á dependencia e no sector da carpintería

Participan 20 persoas e o taller de formación e emprego dual conta cun orzamento de 336.000 euros

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na apertura do obradoiro de emprego de Mugardos, compartido con Ares, Cabanas, Fene e Neda, que oferta 20 prazas para formar a 10 alumnos en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e a outros 10 en Traballos de Carpintería e Moble. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 336.000 euros. No acto tamén participaron, en representación de Fene, o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica e Formación, Juan José Franco.


Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.


Concretamente o taller sociosanitario ten previsto a realización das súas prácticas de atención social nos concellos participantes e o de carpintería recolle a realización de fiestras no mosteiro de Santa Catalina en Ares, a fabricación de 20 papeleiras e catro cubrecontedores en madeira en Cabanas, a reposición de elementos de carpintería no CEIP O Ramo de Fene, a reposición de materiais deteriorados no paseo marítimo de Neda e a colocación de mobiliario urbano en madeira en Mugardos.


Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.
Na súa intervención lembrou que “en Ferrolterra a Xunta de Galicia financia 3 talleres de formación e emprego dos cales dous deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 852.000 euros”


Os obradoiros duais son os de Vilarmaior compartido con Aranga, Irixoa e Monfero e o de Mugardos con Ares, Cabanas, Fene e Neda. Pola súa banda, o obradoiro de garantía xuvenil impartirase en Fene compartido con Cabanas, Ares, Mugardos e Neda.


Estes obradoiros permitirán que un total de 56 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.