Fene Mar Vivo II fundamentará a promoción turística do municipio na difusión da actividade pesqueira e posta en valor da cultura mariñeira

Fene Mar Vivo II fundamentará a promoción turística do municipio na difusión da actividade pesqueira e posta en valor da cultura mariñeira

O Concello deu a coñecer onte á veciñanza as liñas mestras dun proxecto vivo, aberto ás aportacións do tecido asociativo

O alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco; o presidente da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, Juan Manuel Ramos Reigosa, o presidente da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López Pena, e o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage, presentaron no día de onte o proxecto “Fene Mar Vivo II”. Foi no transcurso dun acto celebrado no salón de plenos da casa consistorial no que tomaron parte veciños e veciñas e máis representantes do tecido asociativo do municipio, que tamén realizaron as súas aportacións, xa que se trata dun documento vivo, en constante recepción de iniciativas e ideas.


Así, Galego e Franco avanzaron que Fene Mar Vivo II contemplará actividades de dinamización, a creación dun catálogo de recursos, a impartición de accións formativas sobre tratamentos de produtos do mar e comercialización online, comunicación ou actividades de exaltación de produtos marítimos. Accións de formación e capacitación ligadas a diferentes profesións do mar coa finalidade de atender a oferta turística, elaboración dun plan de comunicación, escaparate web, edición de folletos, creación de paquetes turísticos para a promoción de equipamentos culturais do municipio, ademais de sesións con axentes sociais e accións de comercialización (fam trip e accións de promoción), incluídas actividades de exaltación de produtos da zona. Accións que, en opinión de Galego, hai que aproveitar tamén para a promoción do Camiño Inglés.

Nesta liña, Franco salientou que foi todo un orgullo a primeira parte de Fene Vivo, e confiou tamén no éxito desta edición. Sobre todo, pola implicación de entidades como a Asociación O Cruceiro, comprometida no día de onte polo seu presidente.

Así mesmo, Franco insistiu na predisposición do Concello a recibir as aportacións de todas as asociacións e agradeceu especialmente a colaboración da Xunta, o GALP e a UE.

E é que a Consellería do Mar recentemente lle notificaba a concesión dunha axuda para este programa ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Comunidade Autónoma. Unha achega que o presidente do GALP considerou máis que merecida polo traballo realizado, e animou a solicitar novas subvencións mediante proxectos desta índole.


Nesta liña, Fene Mar Vivo II conta cun orzamento de 100.793 euros, dos que a axuda pública concedida ascende a 90.713,70 euros. Isto é, o 90%. Nese marco, a FEMP financiará o 85% da subvención e a Comunidade Autónoma o 15% restante.

Obxectivos
Os principais obxectivos do proxecto son a creación de produtos turísticos competitivos e comercializables, nos que se inclúa a valoración e participación do sector pesqueiro; lograr a valoración e comercialización dos produtos do mar de Fene no marco das diferentes empresas de transformación e de turismo da zona; protexer e divulgar o patrimonio pesqueiro, arquitéctonico e cultural de Fene así como a multitude de actividades que se organizan ao longo do ano, co obxecto de darlle un valor engadido, e conxugar un servizo público vencellado ao turismo, para poñer en valor e seguir dando a coñecer a actividade pesqueira e a cultura mariñeira do Concello de Fene, creando un microdestino fundamentado principamente nun posicionamento diferencial.


Obxectivos estes que se traducirán nun aumento do número de visitantes ao Concello de Fene, un incremento das ventas do comercio local, dos produtos derivados da pesca tales como as conservas, a artesanía e tamén os de transformación, ou unha maior demanda de servizos de hostalería e restauración e dinamización da economía local coa promoción da vida mariñeira da vila.


Así, o Concello aspira a que a marca "Fene Vivo" se convirta nun símbolo de identidade que fomente o crecemento económico a través da colaboración entre toda a rede creada, para que haxa unha inclusión e mobilidade laboral entre sectores.