Adiantar o Nadal no comercio e hostalería de Fene ten premio
O Concello convida á veciñanza a tomar parte nesta iniciativa de promoción que contempla sorteos de vales para compras por valor de 2.000 euros
03-12-2019
Baixo o lema “Adianta o teu Nadal!”, a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro de Fene pon en marcha unha campaña especial de promoción dos establecementos locais a través da cal as compras poden ter substanciais premios. E é que a clientela recibirá rifas para participar no sorteo de vales de compra por valor de 2.000 euros –repartidos nun primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 500, un terceiro de 250 e outros dous de 125-.
A campaña celebrarase ata o 21 de decembro, e na mesma participan un total de 25 comercios, 9 negocios do sector servizos e outros 12 establecementos de hostalería. Por último, o Concello, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Juan José Franco, convida á veciñanza a sumarse á iniciativa.