Aspaneps inaugura no Concello de Fene a súa mostra “Pintamo-lo mundo”

Aspaneps inaugura no Concello de Fene a súa mostra “Pintamo-lo mundo”

O acto, presidido polo alcalde, celebrouse no salón de plenos fenés, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e nel tomou parte tamén o alumnado do colexio Jorge Juan

O salón de plenos da casa consistorial de Fene acolleu esta mañá o acto de inauguración da exposición “Pintamo-lo mundo” que impulsa Aspaneps. Un acto que coincidía co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e que presidiu o alcalde, Gumersindo Galego. Xunto a el, Ramiro, un dos usuarios do centro ocupacional de Aspaneps en Fene, e encargado hoxe de presentar a exposición. Agradeceu neste sentido a colaboración do fotoxornalista Gabriel Tizón, xa que foi nun obradoiro impartido por el no que naceu a idea desta mostra. Ramiro aludiu á efeméride para lembrar que se institucionalizou no ano 1992, o mesmo no que abría as súas portas o centro ocupacional de Fene. Asegurou que, a pesares dos anos transcorridos, á andaina pola inclusión aínda lle quedan moitos pasos por dar. Só así, engadiu, lograremos unha sociedade xusta e diversa, que é o que pretende reflectir a súa mostra. Por último, confiou en que esta sexa do agrado do público.


Pola súa banda, Gumersindo Galego asegurou que era un orgullo contar con Aspaneps e unha exposición que, subliñou, reflicte as extraordinarias capacidades e sensibilidade dos seus autores para o arte. Auguroulles o mellor dos éxitos e lembrou a próxima ampliación do centro, un espazo para continuar traballando pola integración. Así mesmo, agradeceu a visita dos nenos e nenas do colexio Jorge Juan, que se desplazaron á casa consistorial para asistir ao acto e participar activamente no mesmo, xa que ao remate, e co rotulador en man, encargáronse de plasmar a súa visión sobre a igualdade en forma de lemas. Frases que servirán de base para que Aspaneps acometa un dos seus próximos proxectos: a creación de libretas.


“Pintamo-lo mundo” poderá visitarse en Fene de luns a venres de 10 a 14,30 horas, ata o 7 de xaneiro.


A exposición, que recrea a través de 24 imaxes de gran formato a ilusión da diversidade a través da mirada das persoas do centro ocupacional de Aspaneps, nace a raíz dunha actividade recreativa e cultural realizada pola asociación e baseada na fotografía. Unha actividade que contou coa colaboración do fotógrafo Gabriel Tizón.

A Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-Sociais é unha entidade de iniciativa social, sen ánimo de lucro cun ámbito de actuación estatal, sendo a súa maior área de influencia as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Foi fundada en 1980, a partir da iniciativa duns pais e nais que buscaban atender as necesidades específicas dos seus fillos, de tipo pedagóxico, psicolóxico e social, para favorecer un maior grao de benestar persoal e social, xa que nese momento non se daban, dende as administracións públicas, respostas a este tipo de problemáticas.
Na actualidade, a asociación é un servizo integrado na comunidade, aberto ao conxunto da sociedade, e que serve de referencia tanto ás unidades familiares como ás institucións que teñen que ver coa infancia, mocidade e discapacidade dende o punto de vista da súa atención bio-psico-social.