O Concello inicia a reforma integral do parque infantil de Fonte do Campo coa instalación dunha gran tirolina para nen@s de 4 a 14 anos
09-12-2019
O alcalde, Gumersindo Galego, sinala que as obras tamén contemplan o acondicionamento da pista polideportiva anexa, requerirán dun investimento superior aos 48.000 euros e daron comezo a pasada semana
O parque infantil do entorno de Fonte do Campo sufrirá nas próximas semanas unha transformación radical. Así o contempla o proxecto elaborado polo Concello de Fene, adxudicado nas últimas semanas por importe de 48.037 euros con cargo ao superávit. Segundo avanzaba esta mañá o alcalde, Gumersindo Galego, os traballos iniciáronse a pasada semana e afectarán tamén á pista deportiva anexa, onde se levarán a cabo substanciais melloras.
Así, e respecto ao parque infantil, o Concello dotará o espazo dunha gran tirolina cun percorrido de 20 metros, pensada para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. Ademais, procedeuse xa á retirada dos elementos de xogo existentes –un columpio, un muelle e un balancín- para a súa inspección e posterior instalación se é posible a súa recuperación. Instalaranse novos xogos, así como un panel informativo de usos e teléfonos en caso de emerxencia, e construirase un novo sendeiro de acceso de entrada á zona con pavimento de terrizo e delimitado por un bordillo de madeira.
En canto á pista deportiva, o alcalde sinalou que se procederá á reparación do peche perimetral existente mediante o retensado da malla, o pintado dos postes metálicos e á substitución dun tramo de malla moi deteriorado na actualidade. Traballos nos que se concentran agora os operarios. Tamén se realizará o pintado do marcaxe das liñas de xogo correspondentes a fútbol sala, balonmán e baloncesto. Instalaranse dúas canastas novas de básket e colocaranse dúas marquesinas de madeira no marxe perimetral da pista, a modo de banquillos, con banco adosado. A intervención completarase coa colocación de tres bancos de madeira.