Os máis pequenos de Fene estrean o primeiro parque inclusivo do municipio

Os máis pequenos de Fene estrean o primeiro parque inclusivo do municipio

O alcalde, Gumersindo Galego, recepcionou as obras realizadas na zona de xogos de San Valentín, tras un investimento de 40.000 euros

O alcalde, Gumersindo Galego, informaba esta mañá da posta en servizo do primeiro parque infantil 100% inclusivo do municipio, accesible a nivel motriz, sensorial e mental. Unha zona de xogos cuxas obras o Concello recepcionaba a semana pasada. Sitúase en San Valentín, nas inmediacións do pavillón, e a intervención contou cun investimento duns 40.000 euros.


O reformado parque conta cun gran xogo temático con capacidade para o xogo simultáneo de 32 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos e ocupa unha superficie duns 223 metros cadrados. Imitando nas súas formas a un gran navío, dispón dun sinfín de elementos como pasos móbiles, pasadizos de gateo, ollos de boi a diferentes alturas, paneis didácticos, complementos como catalexos, temón, tobogán ou unha plataforma inclinada de accesibilidade de integración.


Así mesmo, a intervención realizada completouse coa dotación dun columpio inclusivo para nenos e nenas con diversidade funcional.