O Concello de Fene conclúe o aglomerado do Camiño de Ameneiro

O Concello de Fene conclúe o aglomerado do Camiño de Ameneiro

O alcalde, Gumersindo Galego, explica que a actuación realizada contou cun orzamento superior aos 40.000 euros

O Concello de Fene vén de concluír as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre. Nesta liña, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que a Administración local investiu na intervención 40.472,36 euros con cargo ao Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).


Así mesmo, o alcalde lembraba que a intervención dá resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada. Tras décadas de inacción, en 2018, a Concellería de Servizos que dirixía o popular Andrés Serantes realizaba unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno de Gumersindo Galego incluía a actuación agora realizada nesta liña de axudas. Para iso, establecía neste punto o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro.


Deste xeito, actuouse ao longo de 450 metros, e ancho variable. O vial dá acceso, dende a estrada CP-1503, aos núcleos de A Curveira e Vrea e as obras dividiranse en dúas fases: dende o P.K. 0+000 ao P.K. 0+258,614 e dende este último ao P.K. 0+450.