O Concello inviste máis de 43.000 euros nas obras de mellora na unitaria de Sillobre

O Concello inviste máis de 43.000 euros nas obras de mellora na unitaria de Sillobre

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, visitou o centro, onde se acondicionou o acceso de entrada, se renovou o chan da zona de xogos, se substituíron os teitos das aulas e a iluminación e se reformaron os aseos

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, visitou esta semana a escola unitaria de Sillobre para supervisar o remate das obras de mellora realizadas no centro escolar. Intervencións que contaron cun orzamento superior aos 43.000 euros con cargo a fondos propios e que se executaron tanto no interior como no exterior do inmoble.

En concreto, o Concello procedeu ao acondicionamento do acceso, mediante a creación de itinerarios a base de formigón prensado delimitados por pedra blanca. Así mesmo, Gumersindo Galego explicou que tamén se actuou na zona exterior de xogos, onde se sitúan diferentes elementos e o areeiro. Alí, instalouse un novo chan de caucho.


Xa no interior, o Concello realizou traballos de pintado, renovou os teitos e a iluminación e, finalmente, executou a reforma integral dos aseos.

Intervencións todas elas, segundo apuntou o alcalde, moi demandadas pola veciñanza da parroquia.