A Xunta activa o plan de emerxencia de Galicia para conter o coronavirus
14-03-2020
A Xunta declara a situación de emerxencia sanitaria de interese galego. Con esta declaración actívase, tamén, o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia.
Con este plan actívanse todos os mecanismos e operativos recollidos nel: constituirase un centro de coordinación operativo (Cecop); porase en marcha un enlace co posto de mando avanzado; mobilizarase de forma inmediata aos grupos operativos; e levarase a cabo a comunicación á poboación das instrucións pertinentes.
Se ben, en canto o Cecop se reúna empezará a tomar as decisións que correspondan, no Consello da Xunta xa se tomaron as primeiras medidas: peche ao público de bares, restaurantes e cafeterías, podendo prestar servizos de envío a domicilio ou para a súa recollida no local. Cines e teatros. Establecementos de xogo. Salas de concerto e auditorios. Recintos feirais. Establecementos de ocio e entretemento –salas de festa, discotecas, pubs, furanchos e cafés espectáculos-. Centros de ocio infantil. Pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas. E albergues do Camiño de Santiago.
Así mesmo, precisou que o peche non afecta aos servizos de restauración dos establecementos hoteleiros, sempre que se destinen estritamente aos clientes dos mesmos, e dos establecementos en instalacións destinadas á prestación de servizos públicos. Tampouco afecta o peche aos comercios minoristas de alimentación e produtos de primeira necesidade. En concreto, poderán abrir, por exemplo, froiterías, carnicerías, peixarías, panaderías, farmacias, gasolineiras, quioscos e tendas de alimentación.
No caso das grandes superficies, só poderán permanecer abertos ao público os establecementos de alimentación e de primeira necesidade.
Por outra banda, no tocante aos funerais establécese un aforo máximo dun terzo para os tanatorios e un máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre.
Máis info aquí