Servizo de achega de alimentos e artigos de primeira necesidade para persoas que viven soas ou en situación de vulnerabilidade
20-03-2020
A Concellería de Servizos Sociais de Fene, co apoio da Agrupación Local de Protección Civil, puxo en marcha un servizo de achega de alimentos e artigos de primeira necesidade para persoas que se atopen soas ou en situación vulnerable. Para solicitalo, cómpre chamar a calquera dos teléfonos de contacto habilitados pola administración local namentres dura o estado de alarma. En días laborables, de 9.00 a 14.00 horas: Servizos Sociais (981 492 706) ou Casa do Concello (981 492 707). Todos os días da semana, de 7.30 a 21.30 horas: Policía Local (981 492 777) ou Protección Civil (663 379 073).
O servizo, coordinado pola área de Servizos Sociais con apoio da Agrupación local de Protección Civil, encárgase da distribución de alimentos, medicinas, produtos de hixiene e de primeira necesidade e vai dirixido a persoas sen unha rede de apoio familiar que vivan soas, que teñan a mobilidade reducida ou que estean nunha situación de vulnerabilidade, especialmente as de idade avanzada ou con algunha discapacidade, circunstancia que debe ser debidamente xustificada, xunto coas familias e persoas que xa estaban sendo atendidas polo departamento antes da crise.
Dende o Concello de Fene lémbrase que, durante o tempo que dure o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, permanece pechada a atención presencial nas oficinas municipais, agás naqueles servizos que son considerados esenciais. Así, a atención nestes servizos farase unicamente a través do teléfono e de xeito telemático. No caso de non dispoñer de medios telemáticos –e únicamente para supostos de urxencia- o Concello atenderá á veciñanza presencialmente en horario de 9.00 a 14.00 horas, previa petición de cita telefónica. Para presentar documentación por rexistro utilizarase o Rexistro Telemático, accesible dende a Sede electrónica do Concello de Fene.