A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o xoves e o venres desta semana
23-03-2020
Malia o estado de alerta decretado polo Goberno do Estado, a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia –como servizo esencial que é para subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia- continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a todos os cidadáns. Esta semana visitará Fene, instalándose diante do Centro de Saúde o xoves 26 de marzo, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas, e o venres 27 de marzo, de 15.30 a 21.00 horas.
Todas as persoas que desexan doar sangue deberán chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828. O sistema de CITA PREVIA reforza os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e locais de doazón e tentar garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
Tendo en conta as especiais circunstancias nas que se desenvolve esta campaña, dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), organismo público que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, lembran que DOAR SANGUE É SEGURO xa que “as unidades móbiles e os locais de doazón compren con todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria”. Ademais, os profesionais que atenden ás persoas que doan sangue, “reforzaron as medidas de hixiene e seguridade e empregan material esterilizado e dun só uso. Informan tamén que sempre se realiza “unha revisión de saúde das persoas que acoden a doar sangue para garantir a seguridade dos compoñentes sanguíneos”.
Poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, que pesen máis de 50 quilos e que conten cunha saúde normal. Como especiais recomendacións nesta campaña, dende ADOS pídese que non acudan a doar sangue as persoas que nos últimos 15 días tiveran febre, tose ou problemas respiratorios. E como medidas xerais de prevención, lembran que cómpre “lavar as mans con frecuencia con auga e xabón. Evitar tocar o nariz, boca ou ollos e, para tusir, empregar un pano desbotable ou facelo no interior do cóbado”.
Por último, é moi importante que as persoas que acudan a doar sangue garden mínimo un metro de separación nas zonas de espera.
Para máis información sobre a campaña de doazón de sangue ou para resolver calquera dúbida ao respecto, pódese chamar ao teléfono 900 100 828 ou enviar un correo electrónico a doadoressangue.ados@sergas.gal