A Policía Local de Fene remitiulle á Delegación do Goberno unha quincena de denuncias por saltar o confinamento
08-04-2020
Non se pode saír da casa agás para casos necesarios. Punto. E dentro deses casos están facer a compra, ir ao médico se se ten cita concertada, ir buscar medicamento á farmacia, ir e voltar do traballo e pasear unha mascota en afastarse moito da casa. Esas son as principais excepcións a un confinamento decretado polo Estado que persegue reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio do coronavirus. Levamos catro semanas pechados e aínda nos quedan alomenos outras dúas. O tempo vai pasando e cada vez vai facéndose máis peado, pero hai que aguantar o que faga falla para vencer o andazo. Fene está sendo desde o primeiro momento un concello exemplar nese sentido. Porén, no medio dos centos de persoas concienciadas que roen mecha na casa sempre hai quen pensa que é máis listo que ninguén saíndo cando non debe sen causa xustificada, facendo dez recados no día ou, por exemplo, paseando o can máis veces e máis lonxe do que sería recomendable. A cousa non está para chanzas e, por se a alguén pensa o contrario, aí están a Garda Civil e a Policía Local para recordárllelo. De feito, segundo informou a responsable da área de Seguridade, Sandra Permuy, desde o comezo do confinamento a Policía Local fixo máis dun cento de identificacións -parte delas en controis conxuntos coa Garda Civil- e tramitou 16 denuncias por saltar o confinamento sen motivos xustificados.
Os datos totais a data de hoxe indican que durante o Estado de Alarma foron identificadas un total de 113 persoas, interceptáronse 411 vehículos e efectuáronse 16 propostas de sanción.
"En relación con outros concellos da comarca, nós aquí en Fene estamos sendo modélicos respectando a normativa en vigor", sinala a concelleira puntualizando deseguido que as denuncias enviadas á Delegación do Goberno "foron na súa maioría por reincidencias, persoas que xa estaban avisadas e que non tomaron en serio as advertencias".
Porén, desde este departamento municipal tómanse as cifras con precaución, posto que alomenos 31 identificacións e 11 das denuncias pertencen aos últimos catro días. "Nun primeiro momento os corpos de seguridade centráronse en informar e concienciar, pero dada a gravedade da situación tamén é necesario sancionar se non se respectan as normas que son comúns para todos", explica Permuy.
O Goberno local non oculta a súa preocupación polo incremento súpeto de propostas de sanción que, segundo a concelleira do ramo "débense máis á irresponsabilidade e relaxación de algunhas persoas que a un exceso de celo dos axentes aplicando a normativa en vigor". Sandra Permuy insiste "temos que seguir na casa durante alomenos dúas semanas máis. Debemos afacernos a esa realidade e cumprir co confinamento".
Nestes momentos a Policía Local de Fene conta con 10 efectivos aos que se sumarán dentro duns días 3 auxiliares, adiantando a este momento contratos de reforzo que estaban previstos para a época estival. Os próximos días serán críticos, especialmente a fin de semana "temos dous festivos no medio e os supermercados abrirán o sábado pola mañá. A Policía Local vai incrementar a vixilancia para disuadir a calquera de saltar o confinamento. É duro, pero as circunstancias son de gravedade extrema, temos que ser conscientes diso e, sobre todo, responsables".
Recórdase que durante o Estado de Alarma só están permitidos os desprazamentos por razóns xustificadas, como por exemplo facer a compra, ir ao médico ou á farmacia, acudir ao posto de traballo ou pasear mascotas "nas inmediacións do domicilio e só o estrictamente necesario, xa que a policía tamén está atenta á picaresca que se dá cos cans", puntualiza Permuy.
Reunión da Comisión Municipal de seguimento da COVID-19
A información sobre as intervencións nos últimos días abordouse onte no seo da comisión municipal de seguimento da crise, composta polo alcalde, os voceiros e voceiras dos distintos grupos, a secretaria municipal e os responsables da Policía Local e dos servizos de emerxencia e protección civil.
Juventino Trigo informou por videoconferencia, entre outros aspectos, sobre a situación sanitaria no concello, o funcionamento da Administración local e as medidas económicas e sociais adoptadas polo Concello para paliar os efectos da crise. No econtro tamén se falou do reparto de EPIS entre os distintos servizos.
Con respecto á protección individual, o alcalde tamén participou este mediodía nunha xuntanza virtual dos nove municipios integrantes da Mancomunidade de Concellos de Ferrol, na que se acordou facer unha compra conxunta de equipamento, principalmente máscaras homologadas FFP2.