A veciñanza de Fene poderá pasear e facer deporte de maneira individual a partir do sábado 2 de maio
01-05-2020
O BOE publica hoxe a Orde ministerial que regula as condicións nas que as persoas de 14 anos en diante poderán realizar actividade física non profesional ao aire libre e paseos a partir de mañá 2 de maio durante a vixencia do Estado de Alarma.
Dita práctica física pódese realizar sen contacto con terceiras persoas, unha vez ao día e respectando as medidas xa coñecidas de distancia interpersoal e hixiene.
As persoas con necesidades especiais e as maiores de 70 anos dispoñerán para as súas saídas ao aire libre dunha franxa especialmente designada para elas, separada do horario para paseos con nenos e nenas, co obxectivo de protexerlles especialmente debido á súa vulnerabilidade.
Os horarios das saídas son:
- As persoas maiores de 14 anos poderán saír entre 6:00 e as 10:00 e entre as 20:00 e as 23:00 horas.
- Os nenos e nenas agora poderán saír de 12:00 a 19:00 horas, sempre en compañía dunha persoa maior de idade responsable.
- As persoas maiores de 70 anos ou dependentes poderán facelo de 10:00 a 12:00 e de 19:00 a 20:00 horas.
Excepcións
Quedan excluídas desta medida as persoas con síntomas, aquelas que estean en corentena e en illamento domiciliario por ser contacto de terceiros con síntomas ou diagnosticados de COVID-19.
Dada a situación epidemiolóxica, as persoas residentes en centros sociosanitarios de maiores tamén quedan excluídas desta orde.
Ademais, non estará permitido o acceso a instalacións deportivas pechadas nin se poderá utilizar o vehículo motorizado ou transporte público para ir facer actividade física.
Dende o Concello pregamos que estas saídas se fagan con responsabilidade. É imprescindible o respecto das normas e manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros para evitar posibles contaxios.
Por outra banda informamos á cidadanía que no BOE de hoxe venres 1 de maio publicouse tamén a Orde pola que se permite os desprazamentos para o coidado de producións agrícolas de autoconsumo. Información aquí.