O Concello ponse ao día no pagamento de facturas pendentes de 2019 e do comezo de 2020

O Concello ponse ao día no pagamento de facturas pendentes de 2019 e do comezo de 2020

O pleno municipal celebrado en Fene o xoves pasado tivo un contido eminentemente económico, posto que os tres grupos que conforman o goberno sacaron adiante unha modificación de crédito por un importe superior ao millón de euros que permitirá afrontar facturas impagadas do ano 2019 e dos primeiros meses de 2020. Na súa maioría trátase de recibos do ano pasado  que non contaban con partidas no orzamento ou que as tiñan xa esgotadas. En total son 770 facturas das que aproximadamente un 85% se farán efectivas esta mesma semana e o 15% restante nun prazo máximo duns 15 días, tan pronto como finalice a exposición pública do seu recoñecemento. Por outra banda, a modificación de crédito servirá para saldar contas con Viaqua por un importe cercano aos 400.000 euros trala sentencia que obriga ao Concello a satisfacer a actualización do canon dos abastecementos anteriores a 2013, ano en que a concesionaria acudiu por primeira vez ao xulgado.
 
As facturas pendentes de 2019 suman  616.486 euros e no seu momento non puideron pagarse porque xa tiñan esgotado o seu capítulo orzamentario ou porque non contaban nin con retención de crédito nin tampouco con proposta de gasto, imprescindibles para que os pagamentos se poidan tramitar e fiscalizar en tempo e forma.
 
De cara a poñerse ao día con empresas e provedores -nun momento crítico para a economía, sobre todo para a das pequenas empresas-, o executivo local decidiu acometer unha modificación no orzamento incorporando 1.034.000 euros de superávit de 2019 e remantente líquido de anos anteriores. A medida saiu adiante cos votos favorables de BNG, PSOE e EU, mentres que o PP optou por absterse. 
 
Unha vez aprobada a modificación, o pleno tamén lle deu o visto e prace, coa mesma correlación de apoios, ao recoñecemento das facturas pendentes do ano pasado e a unha  partida deste ano -algo máis de 17.600 euros correspondentes maioritariamente a pequenas facturas de subministracións eléctricas-. Todas elas satisfaranse cos remanentes municipais e con 54.800 euros do POS provincial que xa estaban reservados para gasto corrente.
 
O pagamento das 660 facturas que contaban con partida no orzamento de 2019 farase efectivo esta mesma semana, mentres que as 110 restantes que non dispuñan nin de partida nin de fiscalización previa pagaranse á volta duns quince días, cando remate a exposición pública do seu recoñecemento.  
 
Pagamento a VIAQUA
A modificación de crédito aprobada na sesión do xoves tamén permitirá pechar as débedas coa concesionaria da auga e do saneamento. Cómpre recordar que VIAQUA demandou ao Concello en 2013 por non terlle pagado os sobrecustos do abastecemento de anos anteriores. Os tribunais déronlle a razón á empresa e, tras anos de tirapuxas legais, agora o consistorio deberá satisfacer unha contía próxima aos 400.000 euros.