A Xunta de Goberno Local aproba a licitación de 620.000 euros en obras
15-05-2020
A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene celebrada este xoves pola mañá acordou iniciar os expedientes de contratación de catro proxectos que, en conxunto, se aproximan aos 620.000 euros, procedentes na súa maior parte do POS e doutros programas provinciais do ano pasado. Entre as obras que se licitarán destaca a ampliación da capacidade do Cemiterio Municipal de Barallobre, onde se construirán 378 nichos novos máis 126 cinceiros funerarios. O proxecto está cifrado en 257.797,03 euros e non será o único que se execute proximamente no camposanto, xa que nestes momentos está preparándose o expediente para a urbanización e dotación de servizos xerais do cemiterio, financiada con outros 230.795 euros de fondos municipais.
A XGL tamén aprobou un lote de facturas de provedores correspondentes aos meses de marzo e abril por un montante total de 119.891,66 euros, de maneira que o consistorio se pon completamente ao día na tramitación dos pagos correspondentes a este ano. Cómpre lembrar, ademais, que no último pleno tamén se aprobou o recoñecemento doutros 770 documentos -case todos de 2019- que xa se están facendo efectivos nestes días.
O outro grande apartado de investimento municipal refírese ao apartado viario. O órgano de goberno deulle luz verde á licitación do aglomerado e os servizos da pista entre Os Regueiros e a Visura, en Sillobre -148.550 €-, á pavimentación con este mesmo firme da vía que une Fene con Magalofes pasando por Lubián -112.399 €- e ao reforzo con aglomerado do camiño da Lomba, en Barallobre, cun importe de saída de 104.833 euros. Estes tres proxectos publicaranse no BOP e no Perfil de Contratante municipal a semana que vén, co que as empresas interesadas poderán empezar a presentar as súas ofertas técnicas e económicas.
Tamén sairá publicado na plataforma de contratación o primeiro dos proxectos no cemiterio, cuantificado en 253.797,03 euros procedentes do POS+ 2019. Construiranse 126 columnas con tres nichos máis un cinceiro funerario cada unha, o que supón ampliar en 378 sepulturas a capacidade do camposanto municipal, situado en Barallobre.
O Executivo local agarda que á volta duns días tamén se leve á Xunta de Goberno o inicio do expediente de licitación para a preparación das instalacións cun novo pavimento, mobiliario, espazos axardinados, dous módulos columbarios e equipamento para a incineración de restos dos nichos. Este segundo proxecto ascende a 230.795 euros e financiarase integramente con fondos municipais.