A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase este luns a Fene

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase este luns a Fene

Malia o estado de alerta decretado polo Goberno do Estado, a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia –como servizo esencial que é para subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia- continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a todos os cidadáns. Esta semana visitará Fene, instalándose o luns 18 de maio  de 15:30 a 21:00 horas diante da asociaición veciñal de Perlio

As persoas que desexan doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828. Reforzando así os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e  garantindo unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.

As persoas que acudan a doar sangue, poden amosar a súa tarxeta de doador de sangue para acreditar a o motivo do seu desprazamento ante as autoridades competentes no caso de control de circulación e, posteriormente, na unidade móbil facilitarase a todas as persoas que doen sangue un xustificante da antedita doazón.

 

Tendo en conta as especiais circunstancias nas que se desenvolve esta campaña, dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), organismo público que integra  o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, lembran que DOAR SANGUE É SEGURO xa que “as unidades móbiles e os locais de doazón compren con todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria”. Ademais, os profesionais que atenden ás persoas que doan sangue, “reforzaron as medidas de hixiene e seguridade e empregan material esterilizado e dun só uso. Informan tamén que sempre se realiza “unha revisión de saúde das persoas que acoden a doar sangue para garantir a seguridade dos compoñentes sanguíneos”.

Poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, que pesen máis de 50 quilos e que conten cunha saúde normal. Como especiais recomendacións nesta campaña, dende ADOS pídese que non acudan a doar sangue as persoas que nos últimos 15 días tiveran febre, tose ou problemas respiratorios. E como medidas xerais de prevención, lembran que cómpre “lavar as mans con frecuencia con auga e xabón. Evitar tocar o nariz, boca ou ollos e, para tusir, empregar un pano desbotable ou facelo no interior do cóbado”.

Por último, é moi importante que as persoas que acudan a doar sangue garden mínimo un metro de separación nas zonas de espera.

Para máis información sobre a campaña de doazón de sangue ou para resolver calquera dúbida ao respecto, pódese chamar ao teléfono 900 100 828 ou enviar un correo electrónico a doadoressangue.ados@sergas.gal