O Comité de Noa Madera Creativa denuncia contradicións entre o Administrador da empresa e as asesoras designadas para a negociación
25-05-2020
Empresa e representación laboral volven reunirse este martes pola mañá
Representantes dos traballadores de Noa Madera Creativa e da patronal do Grupo Malasa mantiveron o venres pola mañá a quinta xuntanza de consultas en relación co ERE e o ERTE que a empresa quere levar a cabo sobre un total de 158 traballadores e traballadoras da súa plantilla. O encontro, tal e como indica o Comité de Empresa, non despexou ningunha incógnita sobre o futuro da firma de Vilar do Colo e a parte social incluso considera o resultado da reunión como "un capítulo máis" na intención de Malasa de pechar o centro de traballo de Fene. Traballadores e empresa volverán xuntarse este martes ás 10 da mañá.
Dende a representación dos traballadores e traballadoras indican que na reunión do venres "insistiuse na necesidade de que a empresa reflexione sobre o seu comportamento en canto á negociación" xa que, segundo apunta o comité, "as asesoras da empresa están trasladándolle á mesa información que non se corresponde coa facilitada polo Administrador nas xuntanzas que mantivo pola súa conta coas seccións de metal, madeira e loxística".
Desde o punto de vista dos representantes dos traballadores e traballadoras estase creando unha "situación de incerteza" e dándose "información contraditoria" sobre as previsións do Grupo Malasa para cada unha das seccións que, en calquera caso, "desmontan os argumentos esgrimidos pola empresa para proceder ao despedimento de 78 traballadores e traballadoras a través dun ERE e a aplicación dun ERTE de 15 meses para o resto da plantilla".
A representación laboral tamén se mostrou sorprendida polo anuncio da empresa de solicitar "un novo informe sobre as causas técnicas" para avalar o ERE extintivo da sección de metal e lamenta que Noa Madera Creativa "non sexa capaz de explicar como se elaborou o primeiro informe, presentado xunto coa solicitude do expediente regulador"
O Comité considera que a empresa "está a desenvolver un capítulo máis na súa intención de pechar o centro de traballo de Fene, como vén acontecendo dende que o Grupo Malasa adquiriu Noa Madera Creativa no ano 2018".
O próximo encontro entre a representación da empresa e o Comité desenvolverase este martes ás 10 da mañá.
O Concello de Fene aprobou no último pleno unha declaración institucional en apoio do mantemento de todos os postos de traballo en Noa Madera Creativa, ademais de comprometerse co comité a colaborar no traslado á sociedade das súas reivindicacións.