O Goberno local de Fene acorda co persoal do Concello o proceso de volta á normalidade dos servizos municipais

O Goberno local de Fene acorda co persoal do Concello o proceso de volta á normalidade dos servizos municipais

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Fene reuniuse este mércores pola mañá para avaliar a proposta do equipo de Goberno sobre a transición á nova normalidade nos distintos servizos municipais. O cadro marca catro fitos temporais de aquí ao 22 de xuño para ir retomando progresivamente a actividade presencial nos departamentos que ata agora estiveron funcionando principalmente con teletraballo. A fórmula a distancia non se abandonará por completo, senón que continuará "até nova instrución" despois da Fase 3 da desescalada para unha parte do persoal. A proposta deseñada polo executivo local foi respaldada polos representantes dos distintos servizos.

O Plan para a transición á nova normalidade do Concello de Fene encádrase nos parámetros preventivos e de volta á actividade do plan de desescalada estatal, así como na normativa que se foi publicando no BOE durante as últimas semanas relativa á paulatina reactivación de servizos nas Administracións públicas.

A partir deste marco xeral, o Goberno local e o persoal acordaron ir dando pasos de semana en semana partindo dunha programación que alenta a capacidade de autoorganización de cada departamento e a súa coordinación cos demais.

Así, dentro das liñas mestras definiuse, en primeiro lugar, que o equilibrio entre traballo presencial e remoto responderá ás necesidades de cada servizo ou departamento. Tamén se marca como "prioritario" o teletraballo para persoal con dereito a conciliación ou ao coidado de persoas maiores. As circunstancias serán valoradas en cada departamento como paso previo á súa autorización por parte da Concellaría de Persoal.

O programa municipal sinala que o Servizo de Prevención e Riscos Laborais ha de emitir un informe individual do persoal de risco coa finalidade de reforzar nos seus postos as medidas de prevención, adaptación e protección e, en calquera caso, a súa incorporación presencial reservaríase para a última fase da desescalada no seo do Concello.

Por outra banda apúntase que aqueles servizos con características específicas -Museo do Humor, Casa da Cultura, Biblioteca, Arquivo, Cemiterio...- aplicarán as directrices das autoridades sanitarias nos protocolos particulares de funcionamento deseñados polas persoas esponsables de cada servizo.

No caso de servizos considerados esenciais -Policía Local, recollida do lixo ou Obras e Servizos, que non pararon en ningún momento- o traballo seguirase desenvolvendo nas mesmas condicións, independentemente da entrada en vigor do protocolo avalado este mércores pola Mesa Xeral de Negociación.

Reactivación en catro fases
Tomando como base este marco estratéxico, o Goberno local propuxo catro fases nas que ir adaptando o funcionamento municipal á nova realidade que virá trala pandemia.

A fase preliminar, comprendida entre este xoves 28 de maio e o luns 8 de xuño, centrarase no traballo en cada departamento para reorganizar espazos segundo as distancias de seguridade e programando tanto as quendas de traballo presencial como o desenvolvemento de funcións a distancia naqueles casos prioritarios. Ao remate deste período deberá estar xa definido ese esquema de traballo e o cronograma das sucesivas reincorporacións.

A primeira fase de volta á normalidade comezará o 8 de xuño e manterase até o 15 de xuño. A persoa responsable do departamento volverá ao seu posto no Concello para organizar o traballo -aínda que logo poida regresar ao seu labor a distancia- contando con aproximadamente o 30% do persoal técnico ou administrativo, xa sexa coas mesmas traballadoras ou mediante quendas. Iso si, o servizo do que se trate sempre ha de contar con polo menos unha persoa exercendo as súas funcións de maneira presencial. O resto continuará teletraballando.

A segunda fase, a partir do 15 de xuño, recolle a incorporación do persoal con despacho propio ou con posto no que se garantan os 2 metros de distancia. O departamento deberá estar xa a un 30% de forma presencial -pode suplirse por quendas-, mentres que o resto de persoal seguirá co traballo a distancia.

A terceira fase, despois do 22 de xuño e ata que se definan as condicións de funcionamento do Concello dentro da "nova normalidade" postcrise, será xa cos departamentos e servizos traballando a un 50% de maneira presencial, ben coas mesmas persoas ou mediante quendas. As demais seguirán con teletraballo.

Todo este proceso de reactivación presencial dos servizos e de adaptación ás medidas preventivas irá precedido de estrictas medidas de protección para o persoal, xa definidas no "Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV 2" do Concello de Fene. Neste sentido incidirase na avaliación de cales son os postos con maior risco, no uso de equipamento de protección individual axeitado e na observancia das medidas preventivas establecidas no propio procedemento, así como as que poidan esixir as autoridades sanitarias a partir de agora.