A Xunta de Galicia dá por superada a fase 3 e levanta o estado de alarma a partir do vindeiro luns

A Xunta de Galicia dá por superada a fase 3 e levanta o estado de alarma a partir do vindeiro luns

Publicado no DOG do sábado 13 de xuño a resolución sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O que implica que queden sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, pero mantén a declaración de situación de emerxencia sanitaria.

Neste sentido procede salientar que, ben que se superou a fase aguda da pandemia, debemos manter aquelas formas de vivir que se mostraron eficaces na loita contra a dita pandemia e cambiar aquelas outras que nos prexudicaron.

É necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas seguintes premisas: hixiene frecuente de mans; hixiene respiratoria (evitar tusir directamente ao aire e tocar a cara, o nariz e os ollos); distancia interpersoal mínima de 1,5 metros; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; preferencia por actividades ao aire libre e de pouca duración; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles co COVID-19 (febre, tose ou dificultade para respirar) ou outros síntomas, como falta de olfacto ou gusto.

 

As medidas preventivas publicadas , terán vigor desde o vindeiro luns 15 de xuño e recollen entre outros: a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, tales como: labores de desinfección e limpeza; especial atención nas zonas de uso común; que se promova o pago con tarxeta; tarefas de ventilación periódicas; e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto, piscinas ou actividades culturais, entre outras. Consulte a resolución aquí

Limitacións do aforo
Establécense limitacións de aforo: un límite de 60 persoas en espazos abertos e de 30 en pechados no caso de velorios, cun máximo de 75 na comitiva fúnebre. O mesmo 75% que será o máximo permitido en boa parte dos establecementos regulados, como locais e centros comerciais, onde as zonas comúns quedarán limitadas á metade do aforo. Mentres que nos bares, restaurantes, hoteis e aloxamentos turísticos o aforo será de 75%, salvo nas terrazas que se eleva ao 80%. E tamén se regulan museos, equipamentos culturais, actividades deportivas, bibliotecas ou piscinas, entre outros.


Os cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o setenta e cinco por cento da capacidade permitida en cada sala.


No caso doutros recintos, locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas distintos dos previstos no parágrafo anterior, poderán desenvolver a súa actividade sempre que o público permaneza sentado e que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, cun límite máximo de trescentas persoas para lugares pechados e de mil persoas tratándose de actividades ao aire libre.

No que se refire aos parques infantís, soamente se autorizarán os que se atopan ao aire libre por cuestións de precaución. E, no que respecta ás actividades deportivas (excepto a ACB e a Liga de Fútbol Profesional, que se reserva ao Goberno central), o aforo será do 75% cun límite de 300 persoas no caso de recintos pechados e de 1.000 no caso de recintos abertos.